O Galeoke
Galiza é un país de artistas, iso é así. Non hai sobremesa, romaría ou festa de colegas que non remate entonando algún dos grandes éxitos da nosa música popular.
Que é o que faltaba? Facer diso un xogo. E nós non inventamos nada, claro que non, pero dímonos de conta (como todas e todos vós) de que coas ferramentas xa existentes non nos identificabamos en absoluto. Pero se nen sequera lle sabemos pronunciar ben o nome!
E de aí saiu a idea do Galeoke, da necesidade de encher un deses moitos ocos que aínda ten a nosa lingua.
É por esa necesidade que sabemos que o Galeoke ten o seu lugar tanto nos centros de ensino, empregado como apoio nas aulas de lingua ou música, como en reunións familiares na casa, en salas de concertos, nas festas do barrio ou da vila e un longuísimo etc.
A escolla do repertorio para este Vol. I non foi fácil. A lista de cancións podería ser case infinita, contamos na música galega cun nivel altísimo de creatividade en todos os estilos. Intentamos ter máis ou menos unha representación de todos eles, pero houbo moitas peneiras polas que pasar esa lista. A primeira, a importancia que para nós ten facerlle un sitiño no noso proxecto aos grupos que rexistran a súa obra baixo licenzas libres. Non por iso podiamos deixar de lado as cancións que forman parte da nosa historia ou que contan cun peso especial na cultura galega actual. E logo está iso de que unha melodía sexa “galeokable” ou non, que o choio este ten a súa ciencia.
Pero tranquilos, haberá polo menos un segundo volume, e un terceiro! (ou iso nos gustaría), e non quedará fora ningunha desas cancións que non vos explicades como é que non están.
No hay comentarios:
Publicar un comentario