LETRAS GALEGAS 2016

2016 - Manuel María

Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e faleceu na Coruña o 8 de setembro de 2004. A súa prolífica obra, sempre impregnada dun fondo compromiso social, abrangue distintos xéneros, dende a poesía á narrativa pasando polo teatro e o ensaio.
No ano 1942 comezou en Lugo os seus estudos de bacharelato ao tempo que agromaba xa unha temperá vocación pola escrita. Alí, logo de coñecer a Uxío Novoneyra, integrouse na tertulia do Café Méndez Núñez onde compartiu inquedanzas con autores tan destacados como Pimentel, Fole, Cunqueiro, Carballo Calero, Iglesia Alvariño ou Rof Codina. Con eles entrará en contacto co galeguismo, tanto o interior como o do exilio.
Nestes anos, dará a coñecer os seus primeiros poemas na revista literaria Xistral, fundada por el mesmo en colaboración co seu amigo Manuel Antonio Sopena.
No ano 1950, publica o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, o primeiro libro en galego editado despois da Guerra Civil e co que se inaugura unha das correntes poéticas máis significativas da posguerra, a coñecida como "Escola da Tebra".
En 1956 Manuel María coñece á que será a súa compañeira e musa, Saleta Goi. A parella casa en Lugo tres anos máis tarde e pouco despois instálanse os dous en Monforte de Lemos, onde o poeta exercerá a actividade profesional de Procurador ata a súa xubilación.
Na década dos 60 e 70, leva a cabo unha intensa actividade política na clandestinidade, comprometido coa defensa dos movementos nacionalistas e implicado en múltiples iniciativas de promoción e recuperación cultural (conferencias, recitados, concertos...). O activismo político levouno a ser elixido, en 1979, concelleiro de Monforte polo Bloque Nacional Popular Galego.
Na súa fecunda obra cómpre salientar poemarios como Terra Chá (1954), Mar maior (1963), Libro dos pregos (1962), Cancións do lusco ó fusco (1970), Poemas ó outono (1977), Compendio de orballos e incertezas (1991), Poemas a Compostela (1993) ou o emblemático Os soños na gaiola (1968) dirixido ao público infantil. Deixounos tamén obras narrativas coma O bigote de Mimí (2003); dramáticas: Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela (1979) ou a Farsa de Bululú (2007); e ensaísiticas: Poetas entre a tradición e a modernidade. Luís Amado Carballo e a súa escola poética (1997) .
Esta intensa traxectoria literaria fíxoo merecedor de numerosos galardóns entre os que destacan: en 1976, o I Concurso de guións cinematográficos de Nós. Cinematográfica Galega; o premio “Celanova, casa dos poetas”, outorgado en 1990, ou o “Pedrón de Ouro”, recibido en 1994 na Casa Museo de Rosalía de Castro.
Manuel María, referente obrigado da literatura galega da segunda metade do século XX, revélasenos como unha figura singular non só pola riqueza creativa e temática da súa obra senón tamén polo compromiso íntimo coa súa cultura, coa súa lingua, co seu pobo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario